Preestreas o 20 e o 21 de decembro de 2023 no IES Rosalía de Santiago e no IES Maruxa Mallo de Ordes
Como era natural, xusto antes das vacacións de Nadal do 2023, o primeiro lugar no que proxectou unha versión aínda en proceso do documental foi o IES Rosalía de Castro, o sitio onde se xestou o proxecto. Foi diante do alumnado de 1º de Bacharelato e dunha parte do profesorado que puido asistir, e, a pesar de non haber tempo para un coloquio posterior, foi recibido cun longo aplauso e felicitacións persoais dalgúns alumnos e alumnas e de profesorado que quedou comentando co autor e co director os momentos máis interesantes e o feito da autenticidade que lle dá á peza a variedade de recursos utilizados. Un traballo que Suso presentou como “feito de retallos, con equipos moi diversos e con material técnico con calidade diferente”. Algo que fixo, segundo Alberto Sacido, moi complicada a edición e a postprodución.
O día seguinte, con alumnado de 4º de ESO, mostrouse unha nova versión mellorada da peza no IES Maruxa Mallo de Ordes. Desta vez con moito máis tempo para facer unha presentación, un coloquio final e, mesmo, un intermedio como se facía antes nos cines para cambiar o rollo de película, e que serviu tamén para un primeiro achegamento máis informal, directo e persoal entre o alumnado, Suso de Toro e Alberto Sacido. Neste caso a resposta do alumnado foi activa e intercambiou non só aplausos ao rematar, senón tamén comentarios e formulou preguntas tanto sobre o proceso de rodaxe como sobre a historia dun autor e dun filme “Fóra de lugar”.