Rodaxe

A filmación deste documental esténdese durante máis de sete anos e está chea de atrancos. Era algo que xa intuía Suso de Toro na primeira sesión, en outubro de 2016, anticipando con precisión os moitos obstáculos que se atoparon polo camiño. Ese primeiro día gravouse no IES Rosalía, onde xurdiu a idea inicialmente, cunha cámara que non cumpría os mínimos requisitos técnicos, pero este borrador de preparación acabou no plano de apertura dun documental que Suso describe moi ben como “feito de retallos”. 

Unha vez presentado o proxecto a unha segunda produtora, Gaspar Broullón segue coa súa cámara as actividades habituais de Suso por Compostela (obradoiros de escritura creativa, encontros, actos en teatros e librerías, sesións de traballo na Biblioteca Xeral da Universidade) sobre as que se construiría unha peza arredor dun escritor que se autoproclamaba “fracasado” e “retirado”. E viaxouse por primeira vez ao Sant Jordi, creando ad hoc un opúsculo de ensaio, Humildar, co que concorrer á feira do libro. Un seguimento cámara en man que foi constatando o rexurdir do autor e que rematou abruptamente da man do primeiro rexeitamento da administración autonómica, que levou á produtora a abandonar o traballo.

Uns meses máis tarde o proxecto, cun guión adaptado ás novas circunstancias, pasa a mans doutra produtora que pon un equipo seguindo os encontros, obradoiros e actividades de Suso e que volve de novo á festa das letras á cidade de Barcelona. Esta vez cunha novela, Fóra de si, que viña agromando e foi medrando co impulso do documental e do obradoiro de escrita creativa. 

Pero esta vez a rodaxe viuse interrompida de novo polo abandono da produtora ante as complicacións da solicitude de axudas. Neste momento Alberto Sacido decide seguir o autor pola súa conta con material propio e do IES Rosalía de Castro, adapta o guión ás novas circunstancias e vanse pulsando opcións de busca de financiamento que, despois da pandemia, acaban nas mans de Culturactiva que, na segunda ocasión que a presenta, consegue unha axuda da Deputación da Coruña para rematar a peza.

Botando man de familiares, amigos e alumnado, Sacido vai rematando a filmación en espazos do IES Rosalía, no Palexco da Coruña, en Madrid, en diversas cafeterías de Santiago, no Pazo de Fonseca, no Museo do Pobo Galego e, mesmo, na capela real do Hostal dos Reis Católicos, aprendendo polo camiño do único xeito posible: cámara en man, tal e como empezou aquel día de outubro de 2016 no que Suso anticipaba que o camiño ía ser longo e cheo de atrancos.